CONCURSO LOGOTIPO ANPA Nsa. Sra. dos REMEDIOS

Hola a tod@s:

Somos a nova ANPA (Asociación de Nais e Pais de Alumnos) Nosa Señora dos Remedios. As persoas (máis ben as nais) que formamos parte desta Xunta Directiva queremos transmitirvos a ilusión coa que iniciamos este proxecto e a nosa intención de traballar co único obxectivo de favorecer e mellorar a vosa educación e o voso paso polo colexio.

Moitos de vós xa nos coñecedes pola primeira iniciativa que fixemos no colexio, o TROCOLIBRO, na cal participachedes e estamos moi contentas dos resultados obtidos nesa actividade.

Como sabedes, este mes celébrase o día das letras galegas, e é por iso que pensamos lanzar unha nova iniciativa para vós baixo o título:

O DESEÑAS, REPRESéNTANOS A TODOS

Trátase de que os alumnos da E.S.O. deseñedes o novo logotipo da ANPA. Cremos que, xa que somos unha Asociación de Nais e Pais de Alumnos, que mellor que sexan os alumnos os que deseñen o noso logotipo, ó fin e o cabo sodes os nosos fillos ós que estamos a representar.

Esperamos que participedes!!!!!

Pode ser un traballo individual ou colectivo, e podedes pedirlle axuda ós profesores/titores.

Unha forte aperta. ¡¡¡¡Animádevos a participar!!!!!!

A Xunta Directiva ANPA – Aquí tendes as bases do concurso.

BASES CONCURSO LOGOTIPO ANPA Nsa. Sra. dos REMEDIOS

O DESEÑAS, REPRESéNTANOS A TODOS

A ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS do Colexio Nosa SEÑORA DOS REMEDIOS convoca o concurso de deseño do seu logotipo, o cal vai dirixido aos alumnos e alumnas dos cursos da E.S.O. do centro, para o que establece as seguintes bases:

BASES:

1. Obxecto. Búscase crear un logotipo destinado a representar a imaxe da asociación en calquera tipo de soporte de difusión, información ou publicidade, como a páxina web, redes sociais ou comunicacións, e que poida ser utilizado en todas as actuacións da ANPA a través de distintas canles e medios á vez que se fomenta a creatividade e participación de todos os alumnos do centro educativo aos que vai dirixido.

2. Participantes. Poderán presentar obras a concurso os/as alumnos/as que estean a cursar 1º, 2º, 3º e 4º da E.S.O. do presente curso escolar.

3. Tema. O logotipo deberá reflexar principios ou elementos referido ao seguinte:

  • A condición de centro educativo de Educación Infantil, Primaria e Segundaria.
  • As familias
  • A educación
  • Unha Asociación de nais e pais4. Condicións das Propostas:
  • O logotipo deberá ser orixinal, inédito sen infrinxir os dereitos de autor doutras persoas.
  • A técnica será libre sempre que sexa posible a súa reprodución dixital e recoméndase a maior resolución posible
.
  • Se se utiliza tipografía non orixinal, deberá constar a descrición da fonte, tamaño e deberanse utilizar, entre outros, as cores representativas do centro educativo (azul e gris)
.
  • Se excluirán os logotipos que conteñan connotacións ofensivas contra persoas ou institucións.
  • Os participantes deberán gardar copia do material entregado.
  • O único texto que poderá incluír a proposta será “Asociación de Nais e Pais de Alumnos Colexio Os Remedios” ou as súas siglas “ANPA Os Remedios”, en dúas versións, galego e castelán.
  • O logotipo non estará suxeito a dereitos de autor.

5.- Participación. Poderá ser un traballo individual ou en grupo. Cada participante/é poderá entregar un único deseño. NON se deberá anotar o nome do participante para evitar a identificación dos debuxos e que iso poida causar calquera tipo de afinidade ou predilección. Os deseños enviaranse á dirección de correo electrónico proporcionada en formato foto ou imaxe escaneada. Ademais deixarase ao profesor de debuxo unha impresión co nome de/os participante/s nun sobre pechado e por fóra o titulo do traballo, para logo que se remitan ó ANPA co maior anonimato posible.

6. Prazo Presentación. O prazo máximo para participar e presentar os deseños é o próximo 2 de xuño de 2023 ás 00:00 horas. Non se aceptarán deseños despois desta data.

– As propostas enviaranse a este mail: anpadosremedios@gmail.com no formato dixital.. O asunto da mensaxe será: concurso logo ANPA. O corpo da mensaxe será o título do traballo.
– O email desde o que se envie o traballo será o do profesor de debuxo do centro educativo para ser totalmente anónimo.

7.- Xurado. O Xurado estará formado polos membros da Xunta Directiva do ANPA e a dirección do Centro Educativo. O Xurado recibirá os traballos de maneira anónima e decidirá as propostas admitidas.
Na elección do logotipo valorarase que sexa:

  • Sinxelo
  • 
Lexible mesmo en tamaño pequeno.
  • Único, singular e identificador do ANPA
  • Reproducible en calquera tipo de material
  • Distinguible tanto en positivo como en negativo
  • Facilmente recordable
  • Modificable a escala
  • Escaneable

8. Propiedade intelectual e dereitos de reprodución.

  • A propiedade intelectual e dereitos de reprodución cederase á ANPA Os Remedios, a cal se reserva todos os dereitos de propiedade, reprodución, distribución e uso.
  • A organización resérvase o dereito de modificación do logotipo para optimizalo e adaptalo ás necesidades que poidan xurdir para a súa impresión ou reprodución. Resérvase o dereito para modificar o deseño gañador en función das necesidades, así como a cor, trama e tamaño, para adaptalos con éxito aos diferentes soportes.
  •  A participación no concurso leva implícito a aceptación destas bases e do fallo do xurado, que será inapelable.
  •  A partir da presentación dos traballos, a súa propiedade, utilización e dereitos quedarán reservados á ANPA Os Remedios. O autor/a de o deseño premiado cederá @gratuitamente os seus dereitos de reprodución e manipulación.

9.- Premios. Establécese un único premio, que será entregado ó gañador, o cal consistirá nunha tarxeta regalo valorada en 150€

10.- Exposición. O ANPA poderá facer uso de todos os debuxos participantes para a organización dunha exposición ao longo do presente curso.

¡¡¡¡¡Animádevos a participar!!!!! A Xunta Directiva do ANPA

Marionetas

Dende fai uns meses coláronse no centro uns personaxes moi peculiares que están sendo a ledicia dos máis pequenos (e os non tan pequenos). ¿Oístes falar deles? Hoxe queremos presentárvolos.

   

Ao longo do curso puidemos comprobar que o uso dos monicreques dou lugar a un gran número de actividades por parte do equipo de profesorado, que os empregaron tanto con fins lúdicos coma complemento das actividades do currículo educativo. Por exemplo, amosamos unha fotografía dos alumnos de 4º de primaria que se axudaron dos monicreques para facer unha exposición oral na que debían dar a coñecer ao seu personaxe e describilo.

En xeral, a experiencia con este tipo de material foi moi gratificante polo que estamos seguras de que este traballo non remata aquí.

A compra das marionetas foi realizada pola ANPA grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Actividades con Kamishibai – Secundaria

Non só os alumnos de primaria fixeron uso dos kamishibai. Os alumnos de cuarto da ESO utilizárono tamén para diversas representacións poéticas. No seu caso, foron eles mesmos os encargados de realizar as ilustracións das láminas A3 usadas nas interpretacións. Mirade que auténticas marabillas realizaron.

Todo o material utilizado foi mercado pola ANPA grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Actividades con Kamishibai – Primaria e Infantil

Estamos encantadas de ver o uso que dende o centro se lles está a dar aos Kamishibai. O Kamishibai é un xeito orixinal e divertido de contar historias que cativa a nenos e adultos. Coa adquisición deste tipo de material pretendiamos desenvolver habilidades de comunicación en diferentes linguaxes e formas de expresión.

Obradoiro construción de títeres con materiais de reciclaxe

O pasado venres día 10 celebramos o obradoiro para as familias. Nesta ocasión, Borja Insua, de Títeres Alakrán, ensinounos a facer un títere simplemente con rollo de papel, un cadrado de tea e papeis de cores. A temática era libre polo que puidemos observar personaxes moi diversos: doncelas, piratas, animais e ata un Bob Esponxa! Todo era válido, o único importante era deixar voar a imaxinación e pasar unha boa tarde en compañía dos nosos familiares e amigos. Para rematar, puidemos realizar unha representación cos nosos títeres no teatrillo.

Tanto a celebración do obradoiro coma a compra do teatrillo foron actividades subvencionadas pola Deputación da Coruña.

Construción de títeres con materiais de reciclaxe

Queremos invitarvos ao obradoiro para as familias que se realizará no marco do proxecto Incentivando a expresión oral galega a través da expresión artística subvencionado pola Deputación da Coruña. O taller leva por título Construción de títeres con materiais de reciclaxe e impartirase os venres 10 e 17 de decembro de 17:30h a 19:00h.

  • Os talleres están dirixidos a tódalas familias do centro (todo neno ou nena participante estará acompañado/a dun adulto).
  • O número mínimo de participantes para a realización de cada obradoiro é de 7 familias.
  • O número máximo de participantes por obradoiro é de 40 persoas (contando menores). No caso de superarse dita cifra, as solicitudes ordenaranse polos seguinte criterios:
    • Pertenza á AMPA.
    • Data de inscrición.

Para poder participar será necesario inscribirse mediante un formulario web. Os datos necesarios serán os seguintes:

  • Data na que desexa asistir ao obradoiro (a seleccionar entre o 10 ou o 17 de decembro).
  • Nome do participante
  • Correo electrónico de contacto.
  • Idade dos alumnos do núcleo familiar que participarán na actividade.

A inscrición deberá levarse a cabo antes do xoves 9 ou 16 de decembro respectivamente. Bastará con cubrir os datos anteriores no seguinte formulario:

https://forms.gle/eAb3MrT2MjEphALW6

Os obradoiros serán impartidos por Borja Insua, de Títeres Alakrán. Borja estudou o Ciclo Superior de Escultura na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Mestre Mateo en Santiago de Compostela e en Barcelona especializouse na técnica de fío no grupo–taller de marionetas do mestre titiriteiro Pepe Otal. Foi un dos membros fundadores do colectivo Bulubús, que aglutinou a máis de 30 compañías de todo o mundo, participando no Festival Internacional de Títeres de Bilbao. Ademais, ten impartido cursos de construción e manipulación de títeres en GaliciaBilbao, Cuba e México.

 

Novos Kamishibai en tamaño A3

No día de hoxe fixéronnos a entrega dos Kamishibai encargados para o centro:
Ademáis, para os mais pequenos mercáronse uns contos en láminas A3 para Kamishibai acorde con esas idades:
O Kamishibai é un xeito orixinal e divertido de contar historias que cativa a nenos e adultos e que conta tamén con varias vantaxes:
  • O marco centra a atención do neno polo que coa lectura de contos neste formato é máis sinxelo atraer e manter a atención dun grupo numeroso.
  • Esperta a imaxinación e a fantasía entre os oíntes.
  • Os nenos participan nun espectáculo colectivo, o que fomenta a diversión e a colaboración en conxunto.
  • Contribúe a fomentar o gusto pola lectura e a escritura.
  • Permite aos nenos asumir o papel non só de oíntes, senón tamén de intérpretes e creadores.
  • É moi axeitado no tratamento integrado de diferentes idiomas.
  • Axuda a recuperar a tradición oral e facilita enormemente o contar historias a outras persoas.
Estes Kamishibai foron adquiridos grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Incentivando a expresión oral galega a través da expresión artística

Estimadas familias,

Coa presente comunicación queremos informarvos dunha subvención que nos concedeu a Deputación da Coruña. O proxecto leva por título Incentivando a expresión oral galega a través da expresión artística e co importe recibido estanse realizando as seguintes actuacións:

  1. Adquisición de 2 Kamishibai.
  2. Adquisición de varios libros en galego en formato láminas en A3 para representación en Kamishibai.
  3. Adquisición de 1 teatrillo para a representación de títeres.
  4. Obradoiros de construción e manipulación de monicreques.
  5. Obradoiros de ilustración.

Os obradoiros de construción e manipulación de monicreques estarán destinados ás familias. En próximas comunicacións concretarémosvos toda a información necesaria: as datas de realización (mes de decembro), así coma a forma de inscribirse nos mesmos. Esperamos que resulten do voso interese.

Un saúdo.

A Xunta Directiva.

Patio lúdico

Por fin chegou o bo tempo, e con el a posibilidade de levar a cabo unha acción coa que pretendemos encher de ledicia aos nosos pequenos. Este sábado e domingo, un grupo de voluntarios estivemos no colexio enchendo de cores o patio. Foron horas de traballo que de seguro mañá se verán recompensadas coas caras de sorpresa dos cativos. Esperamos que lle gusten os xogos representados.
Os materiais necesarios nesta tarefa foron comprados grazas a unha subvención que nos concedeu a Deputación da Coruña. As mans necesarias non foron outras cas dos membros da Xunta Directiva da AMPA e as de moitos docentes que dende o minuto un nos apoiaron neste proxecto. Moitas grazas pola vosa colaboración!

Asemblea Xeral Curso 2020/2021

Estimadas familias,

Recordámosvos que hoxe luns 15 de febreiro realizaremos a Asemblea ordinaria da Asociación de pais e nais do colexio Nosa Sra. Dos Remedios, que se celebrará ás 19:00 en primeira convocatoria e ás 19:15 en segunda.

Os puntos do día serán:

  1. Votación e renovación  dos cargos da xunta directiva se procede.
  2. Aprobación das contas da Asociación se procede.
  3. Actuacións levadas a cabo dende a última Asemblea.
  4. Rogos e preguntas.

A Asemblea será vía telemática. Realizarase mediante videoconferencia e poderedes acceder mediante o enlace que  se vos enviou por correo electrónico. Se algún socio non recibiu o enlace correspondente pode poñerse en contacto con nós a través do correo anpadosremedios@gmail.com

Contamos coa vosa colaboración.