Patio lúdico

Por fin chegou o bo tempo, e con el a posibilidade de levar a cabo unha acción coa que pretendemos encher de ledicia aos nosos pequenos. Este sábado e domingo, un grupo de voluntarios estivemos no colexio enchendo de cores o patio. Foron horas de traballo que de seguro mañá se verán recompensadas coas caras de sorpresa dos cativos. Esperamos que lle gusten os xogos representados.
Os materiais necesarios nesta tarefa foron comprados grazas a unha subvención que nos concedeu a Deputación da Coruña. As mans necesarias non foron outras cas dos membros da Xunta Directiva da AMPA e as de moitos docentes que dende o minuto un nos apoiaron neste proxecto. Moitas grazas pola vosa colaboración!

Asemblea Xeral Curso 2020/2021

Estimadas familias,

Recordámosvos que hoxe luns 15 de febreiro realizaremos a Asemblea ordinaria da Asociación de pais e nais do colexio Nosa Sra. Dos Remedios, que se celebrará ás 19:00 en primeira convocatoria e ás 19:15 en segunda.

Os puntos do día serán:

  1. Votación e renovación  dos cargos da xunta directiva se procede.
  2. Aprobación das contas da Asociación se procede.
  3. Actuacións levadas a cabo dende a última Asemblea.
  4. Rogos e preguntas.

A Asemblea será vía telemática. Realizarase mediante videoconferencia e poderedes acceder mediante o enlace que  se vos enviou por correo electrónico. Se algún socio non recibiu o enlace correspondente pode poñerse en contacto con nós a través do correo anpadosremedios@gmail.com

Contamos coa vosa colaboración.

Xornada relacionada cos oficios e profesións

Dende a ANPA, e en colaboración co Departamento de Orientación do centro, estamos a organizar unha xornada relacionada cos oficios e profesións para tentar axudar aos nosos fillos e fillas que cursan 4º da ESO. Proximamente estes rapaces terán que decidir que camiño seguir nos seus estudos polo que pretendemos darlles a coñecer distintos itinerarios e experiencias profesionais a través das vivencias das propias familias.

Neste punto é onde precisamos da vosa colaboración. Gustaríanos que aqueles/as de vos que creades que podedes aportar algo compartindo a vosa propia experiencia coma estudante ou profesional participedes na xornada.  Non buscamos algo en particular, só coñecer vivencias e opinións de distintos ámbitos: que non sempre se segue o camiño que os nosos pais queren para nós, que ás veces imos por camiños que nin nós mesmos pensamos e foinos ben, que a vida ten moitos itinerarios a seguir e que todos son igual de válidos, …

Calquera achega que motive aos rapaces e rapazas que aínda non saben que facer será gratificante. Quen sabe! A vosas palabras poden deixar pegada en moitos de eles e elas.

Esperamos poder contar co maior abanico de profesións posible e que sexan unha gran vía inspiradora para todo o alumnado. Se queredes participar poñédevos en contacto con nós no correo electrónico anpadosremedios@gmail.com antes do 27 de febreiro e explicándonos un pouquiño cal é o voso perfil. Coa información recibida tentaremos organizar unha xornada que se celebrará mediante videoconferencia e fixar unha data que tentaremos centrar no mes de marzo.

Animádevos!!!

Adquisición Xogos de mesa

Como parte do proxecto A introdución dos xogos de mesa no centro educativo como instrumento de aprendizaxe (habilidades transversais e competencias), subvencionado pola Deputación da Coruña, levouse a cabo a compra dun lote de xogos de mesa. Para a selección dos xogos tivéronse en conta as competencias desenvolvidas en cada un deles, así coma as idades mínimas recomendadas. Deste xeito, procurouse abarcar todas as etapas educativas (infantil, primaria e secundaria) así coma todas as materias impartidas no día a día. O noso obxectivo principal é que os alumnos se divirtan e aprendan xogando e que se relacionen cos seus compañeiros a través das distintas situacións implicadas no xogo. Estaremos pendentes dos resultados obtidos.

Campaña de recollida de alimentos

No mes de Novembro púxose en marcha, un ano máis, a Campaña de Recollida de alimentos, coa que se pretende lograr que todas as familias do noso entorno poidan desfrutar dun Nadal especial. Ademais, como se fixo o ano anterior e dado que a experiencia foi moi gratificante e enriquecedora, pretendeuse implicar aos nenos dun xeito activo e significativo para eles. Por este motivo, os alumnos do primeiro ciclo de primaria colaboraron na campaña de alimentos xestionando a compra dos produtos. A diferenza doutros anos, e debido á situación da pandemia, os rapaces non acudiron aos supermercados para realizar a compra.

Cabe sinalar que este ano as familias do centro colaboraron máis que nunca, o que nos encheu de orgullo e ledicia.

A introdución dos xogos de mesa no centro educativo como instrumento de aprendizaxe

Queremos informarvos dunha subvención solicitada á Deputación da Coruña baixo o título A introdución dos xogos de mesa no centro educativo como instrumento de aprendizaxe (habilidades transversais e competencias). Dita solicitude foi presentada o día 04/03/2020 e resolta favorablemente o 06/11/2020. Co importe recibido realizaremos as seguintes actuacións:

  1. Webinar Introdución á Aprendizaxe Baseada en Xogos (ABJ). O taller estará orientado ao profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria.
  2. Webinar Aprendizaxe e xogos en familia. Taller orientado ás familias de infantil, primaria e secundaria.
  3. Compras de xogos de mesa para todas as etapas educativas.
  4. Patio lúdico: Pintarase o chan do patio do colexio. Con esta actividade procúrase que exista unha maior diversidade de propostas de xogos co cal lograr unha mellor coeducación e que non haxa diferenzas entre sexos.

O taller para as familias realizarase mediante videoconferencia o venres 27 de Novembro ás 18:30h. Para poder participar será necesario inscribirse mediante un formulario web. Os datos necesarios serán os seguintes:

  • Nome do participante
  • Conta de correo electrónico (necesaria para que o participante reciba o enlace co acceso).
  • Idade dos alumnos do núcleo familiar. Este dato permitirá aos conferenciantes axustar mellor os contidos en base aos intereses das familias participantes.

A inscrición deberá levarse a cabo antes do xoves 26 de Novembro.

Concurso de Fotografía Magosto 2020-21

Sabemos que as circunstancias de este ano non son as mellores, pero non por iso imos deixar de festexar unha das datas máis agardadas por todos: O MAGOSTO.

Dende a directiva do ANPA invitámosvos a participar todos xuntos en familia no “Concurso de Fotografía Magosto 2020-21

Para poder participar debedes enviarnos unha foto na que se reflexe ou ben unha celebración de magosto ou unha composición na que se utilicen materiais propios desta época: millo, follas, landras, …, e sobre todo a estrela da festa: a castaña!

Teredes de prazo dende hoxe ata o día 15 de novembro para facernos chegar unha fotografía de tódolos participantes xunto coas vosas creacións ó correo anpadosremedios@gmail.com.

Unha vez recibidas todas elas, procederase ás correspondentes valoracións. As puntuacións levaranse a cabo de maneira pública na nosa recente estreada conta de Facebook (ANPA do Colexio Nosa Señora dos Remedios).  Os resultados consideraranse definitivos o día 22 de novembro  e os nomes das familias gañadoras daranse a coñecer a través de este mesmo medio.

Haberá un premio por cada unha das seguintes categorías:

–           A representación con maior arraigo tradicional.

–           A representación máis orixinal e creativa.

Importante: Debido a que tanto as fotos recibidas coma o nome do gañador serán compartidos en redes sociais, para a participación no concurso é imprescindible que se entregue a correspondente autorización de uso de imaxe no momento de entregar a fotografía elixida.

¡¡Animádevos a participar!!

Solución cambio peonil Mazarelos

Estimadas familias,

Como membros da comunidade educativa do noso centro, coñecemos a vosa preocupación ante o cambio que vai producir o Concello na rúa de Mazarelos. Dito cambio vai impedir o uso da praza e o paso de vehículos, polo que solicitaremos unha reunión co Concelleiro de urbanismo para achegarlle a nosa preocupación. Coa intención de ser escoitados, solicitamos das familias unha recollida de sinaturas para apoiar a nosa, que é a vosa, petición de solucións.

Para recoller ditas sinaturas contaremos a partir de mañá – 18 de Setembro – e durante varios días, con dous postos con formularios, un en cada entrada e coincidindo coas entradas e saídas. Rogamos que, por mor da crise da Covid 19, intentedes ser o máis ordenados posible, non interrompendo o paso dos nenos e evitando aglomeracións. Tamén aconsellamos que cada persoa leve a cabo a sinatura co seu propio bolígrafo. Todo para poder protexer e protexernos ante este imprevisible virus.

A continuación anexamos o escrito que queremos facer chegar ao Concelleiro de Urbanismo. Se algún familiar prefire tamén pode imprimir esta carta e facérnola chegar asinada ao correo electrónico anpadosremedios@gmail.com

Podedes descargar o escrito no seguinte enlace: Escrito Concelleiro con Firma

Moitas grazas pola vosa colaboración.