CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS COA VISITA DA ESCRITORA ANA MEILÁN

O pasado 26 de Maio con Motivo da celebración do Día das Letras Galegas visitou o nosso cole a escritora lucense Ana Meilán.

Desde a ANPA facilitamos diferentes libros desta autora para que os profesores e profesoras puideran ler os contos nas aulas e traballalos cos alumnos e alumnas. A acollida  por parte do alumnado foi moi boa e os diferentes cursos fixeron debuxos inspirados nos contos. Con estes murais feitos no cole, decorouse o Salón de Actos. Foi unha auténtica sorpresa de benvida para Ana!

 Vémonos na obriga de facer unha mostra fotográfica das obras.

   Canto talento hai no cole!

Murais feitos polo alumnado para decorar o Salón de Actos – Ana Meilán
Mural inspirado no conto «Bágoas debaixo da Cama»
Murais inspirados no conto «Quén ven esta noite?»
Mural baseado no conto «O aire do lobo Rigoberto»
Mural inspirado no conto «O que a serea esqueceu»

 Tras ver estas e outras artistadas que  decoran o Salón de Actos (máis fotos dos murais no final do post), Ana marabillada preparou todo o seu material para as sesións de contacontos…

Ana Meilán preparando o Salón de Actos

Levaba unha maleta máxica que nos fixo rir, pensar e soñar a todos os asistentes. Dela saíron moitos motivos dos seus contos que cobraron vida cando a súa creadora empezou a contar as historias…

Realizáronse tres sesións de con grupos de alumnos por idades. En cada sesión Ana Meilán contou un dos seus contos:

– 10:15 – 11:00 h  INFANTIL – Conto «Bágoas debaixo da cama»

Bágoas gardadas na maleta de Ana Meilán

Tanto os nen@s como as mamis disfrutaron coa interpretación da autora deste conto que arrancou risas de todos nos.

SINOPSE: O pequeno Simón, canso de que todo o mundo lle chame chorón, garda en botes debaixo da cama as súas bágoas e as de todo aquel que chora, pero… Que ocorrería se o mundo quedase sen bágoas?

Ademáis de risas tamén é moi curioso como o relato de Ana trata de fomentar a empatía dos nenos e nenas cos pais e en xeral coas persoas que os rodean. As risas inundaron o Salón de Actos e Ana agasallou aos alumnos de infantil cunha especie de carné de identidade que lles fixo moita ilusión.

– 11:00 – 12:00  1°, 2º e  3° Educación Primaria – Conto:  «Un universo na túa maleta»

Un libro para o fomento lector e o descubrimento de que a través da lectura poden viaxar a calquera universo.

SINOPSE: Peter quere viaxar como fan os seus pais, percorrer o mundo e mesmo sentar nunha estrela, pero o que non imaxina Peter Panker é que todas esas viaxes están a esperalo tras as tapas dun libro.

Os alumnos e alumnas estiveron moi atentos aos diferentes destinos que podían viaxar coa súa imaxinación. Ana agasallou os nenos e nenas cunha postal e explicoulles o seu correcto uso e a debida redacción neste formato escrito. Aprender e divertirse, ilusionarse cunha postal foi algo que Ana conseguiu nesta sesión con todo o alumnado.

– 12:30 a 13:30  4ª-5º-6º  de Primaria – Conto: «O que a Serea esqueceu»

SINOPSE:  Cando o teu mundo e o seu son tan distintos, só a maxia dun peixe anano, verde e choutador pode darche unha vida xunto a el.

Este conto creouno Ana para a sua nai porque ten alzheimer. O peixe dalle unha vida a serea co seu amor. A cambio, cando teña unha vida chea de recordos, o que quere é quedar cos recordos da serea, a non ser que a serea lembre o nome do peixe… pero como xa esta a perder a memoria non se  acorda….  

 O relato deste conto foi moi emotivo. A temática, o lirismo co que está tratado… todo un mundo de emocións que se viviron a flor de pel no noso Salón de Actos.

 Nesta sesión, a escritora creou xunto cos alumnos e alumnas unha cápsula do tempo a través dun taller de escritura. Esta cápsula foi un agasallo que os mestres gardaron no colexio como recordo.

 Ana Meilán explicoulles todo o proceso creativo, dende a chegada dunha idea á mente dun autor ata o momento no que o lector ten o libro nas súas mans.

 Os nenos e nenas de 4ª, 5ª e 6º quedaron encantados e non pararon de pedirlle autógrafos. Ana non puido disimular a súa ilusión e alegría.

A verdade é que foi un auténtico placer contar con Ana Meilán.  Esta actividade deseñada pola ANPA con motivo das Letras Galegas, ten como obxetivo a animación á lectura desde idades temperás. Un xeito divertido de que os nosos fillos e fillas vexan nos libros aliados, e coñezan autores da nosa comunidade que escriben en galego e que teñen un amplo recoñecemento no panorama literario nacional.  Podes coñecer máis da autora na sua páxina web.

Ana Meilán no Colexio plurilingüe Nuestra Señora de los Remedios (Santiago)

Este tipo de actividades de animación á lectura son unha das preocupacións da ANPA que se iniciaron co TROCOLIBRO, que se seguirá a celebrar anualmente polo Día do Libro.

Se queredes que o colexio acolla máis iniciativas deste tipo animádevos a participar na Asociación de Pais e Nais do cole.  ASÓCIATE!

LETRAS GALEGAS 2023 – A ANPA convida a Ana Meilán ao Colexio plurilingüe Nuestra Señora de los Remedios (Santiago)

Nais da ANPA coa escritora Ana Meilán

Aquí deixamos as fotos doutros murais que decoraron o Salón de Actos do Cole ese día.

Actividades con Kamishibai – Secundaria

Non só os alumnos de primaria fixeron uso dos kamishibai. Os alumnos de cuarto da ESO utilizárono tamén para diversas representacións poéticas. No seu caso, foron eles mesmos os encargados de realizar as ilustracións das láminas A3 usadas nas interpretacións. Mirade que auténticas marabillas realizaron.

Todo o material utilizado foi mercado pola ANPA grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Actividades con Kamishibai – Primaria e Infantil

Estamos encantadas de ver o uso que dende o centro se lles está a dar aos Kamishibai. O Kamishibai é un xeito orixinal e divertido de contar historias que cativa a nenos e adultos. Coa adquisición deste tipo de material pretendiamos desenvolver habilidades de comunicación en diferentes linguaxes e formas de expresión.

Obradoiro construción de títeres con materiais de reciclaxe

O pasado venres día 10 celebramos o obradoiro para as familias. Nesta ocasión, Borja Insua, de Títeres Alakrán, ensinounos a facer un títere simplemente con rollo de papel, un cadrado de tea e papeis de cores. A temática era libre polo que puidemos observar personaxes moi diversos: doncelas, piratas, animais e ata un Bob Esponxa! Todo era válido, o único importante era deixar voar a imaxinación e pasar unha boa tarde en compañía dos nosos familiares e amigos. Para rematar, puidemos realizar unha representación cos nosos títeres no teatrillo.

Tanto a celebración do obradoiro coma a compra do teatrillo foron actividades subvencionadas pola Deputación da Coruña.

Construción de títeres con materiais de reciclaxe

Queremos invitarvos ao obradoiro para as familias que se realizará no marco do proxecto Incentivando a expresión oral galega a través da expresión artística subvencionado pola Deputación da Coruña. O taller leva por título Construción de títeres con materiais de reciclaxe e impartirase os venres 10 e 17 de decembro de 17:30h a 19:00h.

  • Os talleres están dirixidos a tódalas familias do centro (todo neno ou nena participante estará acompañado/a dun adulto).
  • O número mínimo de participantes para a realización de cada obradoiro é de 7 familias.
  • O número máximo de participantes por obradoiro é de 40 persoas (contando menores). No caso de superarse dita cifra, as solicitudes ordenaranse polos seguinte criterios:
    • Pertenza á AMPA.
    • Data de inscrición.

Para poder participar será necesario inscribirse mediante un formulario web. Os datos necesarios serán os seguintes:

  • Data na que desexa asistir ao obradoiro (a seleccionar entre o 10 ou o 17 de decembro).
  • Nome do participante
  • Correo electrónico de contacto.
  • Idade dos alumnos do núcleo familiar que participarán na actividade.

A inscrición deberá levarse a cabo antes do xoves 9 ou 16 de decembro respectivamente. Bastará con cubrir os datos anteriores no seguinte formulario:

https://forms.gle/eAb3MrT2MjEphALW6

Os obradoiros serán impartidos por Borja Insua, de Títeres Alakrán. Borja estudou o Ciclo Superior de Escultura na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Mestre Mateo en Santiago de Compostela e en Barcelona especializouse na técnica de fío no grupo–taller de marionetas do mestre titiriteiro Pepe Otal. Foi un dos membros fundadores do colectivo Bulubús, que aglutinou a máis de 30 compañías de todo o mundo, participando no Festival Internacional de Títeres de Bilbao. Ademais, ten impartido cursos de construción e manipulación de títeres en GaliciaBilbao, Cuba e México.

 

Novos Kamishibai en tamaño A3

No día de hoxe fixéronnos a entrega dos Kamishibai encargados para o centro:
Ademáis, para os mais pequenos mercáronse uns contos en láminas A3 para Kamishibai acorde con esas idades:
O Kamishibai é un xeito orixinal e divertido de contar historias que cativa a nenos e adultos e que conta tamén con varias vantaxes:
  • O marco centra a atención do neno polo que coa lectura de contos neste formato é máis sinxelo atraer e manter a atención dun grupo numeroso.
  • Esperta a imaxinación e a fantasía entre os oíntes.
  • Os nenos participan nun espectáculo colectivo, o que fomenta a diversión e a colaboración en conxunto.
  • Contribúe a fomentar o gusto pola lectura e a escritura.
  • Permite aos nenos asumir o papel non só de oíntes, senón tamén de intérpretes e creadores.
  • É moi axeitado no tratamento integrado de diferentes idiomas.
  • Axuda a recuperar a tradición oral e facilita enormemente o contar historias a outras persoas.
Estes Kamishibai foron adquiridos grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Patio lúdico

Por fin chegou o bo tempo, e con el a posibilidade de levar a cabo unha acción coa que pretendemos encher de ledicia aos nosos pequenos. Este sábado e domingo, un grupo de voluntarios estivemos no colexio enchendo de cores o patio. Foron horas de traballo que de seguro mañá se verán recompensadas coas caras de sorpresa dos cativos. Esperamos que lle gusten os xogos representados.
Os materiais necesarios nesta tarefa foron comprados grazas a unha subvención que nos concedeu a Deputación da Coruña. As mans necesarias non foron outras cas dos membros da Xunta Directiva da AMPA e as de moitos docentes que dende o minuto un nos apoiaron neste proxecto. Moitas grazas pola vosa colaboración!

Adquisición Xogos de mesa

Como parte do proxecto A introdución dos xogos de mesa no centro educativo como instrumento de aprendizaxe (habilidades transversais e competencias), subvencionado pola Deputación da Coruña, levouse a cabo a compra dun lote de xogos de mesa. Para a selección dos xogos tivéronse en conta as competencias desenvolvidas en cada un deles, así coma as idades mínimas recomendadas. Deste xeito, procurouse abarcar todas as etapas educativas (infantil, primaria e secundaria) así coma todas as materias impartidas no día a día. O noso obxectivo principal é que os alumnos se divirtan e aprendan xogando e que se relacionen cos seus compañeiros a través das distintas situacións implicadas no xogo. Estaremos pendentes dos resultados obtidos.