Novos Kamishibai en tamaño A3

No día de hoxe fixéronnos a entrega dos Kamishibai encargados para o centro:
Ademáis, para os mais pequenos mercáronse uns contos en láminas A3 para Kamishibai acorde con esas idades:
O Kamishibai é un xeito orixinal e divertido de contar historias que cativa a nenos e adultos e que conta tamén con varias vantaxes:
  • O marco centra a atención do neno polo que coa lectura de contos neste formato é máis sinxelo atraer e manter a atención dun grupo numeroso.
  • Esperta a imaxinación e a fantasía entre os oíntes.
  • Os nenos participan nun espectáculo colectivo, o que fomenta a diversión e a colaboración en conxunto.
  • Contribúe a fomentar o gusto pola lectura e a escritura.
  • Permite aos nenos asumir o papel non só de oíntes, senón tamén de intérpretes e creadores.
  • É moi axeitado no tratamento integrado de diferentes idiomas.
  • Axuda a recuperar a tradición oral e facilita enormemente o contar historias a outras persoas.
Estes Kamishibai foron adquiridos grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Incentivando a expresión oral galega a través da expresión artística

Estimadas familias,

Coa presente comunicación queremos informarvos dunha subvención que nos concedeu a Deputación da Coruña. O proxecto leva por título Incentivando a expresión oral galega a través da expresión artística e co importe recibido estanse realizando as seguintes actuacións:

  1. Adquisición de 2 Kamishibai.
  2. Adquisición de varios libros en galego en formato láminas en A3 para representación en Kamishibai.
  3. Adquisición de 1 teatrillo para a representación de títeres.
  4. Obradoiros de construción e manipulación de monicreques.
  5. Obradoiros de ilustración.

Os obradoiros de construción e manipulación de monicreques estarán destinados ás familias. En próximas comunicacións concretarémosvos toda a información necesaria: as datas de realización (mes de decembro), así coma a forma de inscribirse nos mesmos. Esperamos que resulten do voso interese.

Un saúdo.

A Xunta Directiva.

Patio lúdico

Por fin chegou o bo tempo, e con el a posibilidade de levar a cabo unha acción coa que pretendemos encher de ledicia aos nosos pequenos. Este sábado e domingo, un grupo de voluntarios estivemos no colexio enchendo de cores o patio. Foron horas de traballo que de seguro mañá se verán recompensadas coas caras de sorpresa dos cativos. Esperamos que lle gusten os xogos representados.
Os materiais necesarios nesta tarefa foron comprados grazas a unha subvención que nos concedeu a Deputación da Coruña. As mans necesarias non foron outras cas dos membros da Xunta Directiva da AMPA e as de moitos docentes que dende o minuto un nos apoiaron neste proxecto. Moitas grazas pola vosa colaboración!

Asemblea Xeral Curso 2020/2021

Estimadas familias,

Recordámosvos que hoxe luns 15 de febreiro realizaremos a Asemblea ordinaria da Asociación de pais e nais do colexio Nosa Sra. Dos Remedios, que se celebrará ás 19:00 en primeira convocatoria e ás 19:15 en segunda.

Os puntos do día serán:

  1. Votación e renovación  dos cargos da xunta directiva se procede.
  2. Aprobación das contas da Asociación se procede.
  3. Actuacións levadas a cabo dende a última Asemblea.
  4. Rogos e preguntas.

A Asemblea será vía telemática. Realizarase mediante videoconferencia e poderedes acceder mediante o enlace que  se vos enviou por correo electrónico. Se algún socio non recibiu o enlace correspondente pode poñerse en contacto con nós a través do correo anpadosremedios@gmail.com

Contamos coa vosa colaboración.

Xornada relacionada cos oficios e profesións

Dende a ANPA, e en colaboración co Departamento de Orientación do centro, estamos a organizar unha xornada relacionada cos oficios e profesións para tentar axudar aos nosos fillos e fillas que cursan 4º da ESO. Proximamente estes rapaces terán que decidir que camiño seguir nos seus estudos polo que pretendemos darlles a coñecer distintos itinerarios e experiencias profesionais a través das vivencias das propias familias.

Neste punto é onde precisamos da vosa colaboración. Gustaríanos que aqueles/as de vos que creades que podedes aportar algo compartindo a vosa propia experiencia coma estudante ou profesional participedes na xornada.  Non buscamos algo en particular, só coñecer vivencias e opinións de distintos ámbitos: que non sempre se segue o camiño que os nosos pais queren para nós, que ás veces imos por camiños que nin nós mesmos pensamos e foinos ben, que a vida ten moitos itinerarios a seguir e que todos son igual de válidos, …

Calquera achega que motive aos rapaces e rapazas que aínda non saben que facer será gratificante. Quen sabe! A vosas palabras poden deixar pegada en moitos de eles e elas.

Esperamos poder contar co maior abanico de profesións posible e que sexan unha gran vía inspiradora para todo o alumnado. Se queredes participar poñédevos en contacto con nós no correo electrónico anpadosremedios@gmail.com antes do 27 de febreiro e explicándonos un pouquiño cal é o voso perfil. Coa información recibida tentaremos organizar unha xornada que se celebrará mediante videoconferencia e fixar unha data que tentaremos centrar no mes de marzo.

Animádevos!!!

Adquisición Xogos de mesa

Como parte do proxecto A introdución dos xogos de mesa no centro educativo como instrumento de aprendizaxe (habilidades transversais e competencias), subvencionado pola Deputación da Coruña, levouse a cabo a compra dun lote de xogos de mesa. Para a selección dos xogos tivéronse en conta as competencias desenvolvidas en cada un deles, así coma as idades mínimas recomendadas. Deste xeito, procurouse abarcar todas as etapas educativas (infantil, primaria e secundaria) así coma todas as materias impartidas no día a día. O noso obxectivo principal é que os alumnos se divirtan e aprendan xogando e que se relacionen cos seus compañeiros a través das distintas situacións implicadas no xogo. Estaremos pendentes dos resultados obtidos.

Campaña de recollida de alimentos

No mes de Novembro púxose en marcha, un ano máis, a Campaña de Recollida de alimentos, coa que se pretende lograr que todas as familias do noso entorno poidan desfrutar dun Nadal especial. Ademais, como se fixo o ano anterior e dado que a experiencia foi moi gratificante e enriquecedora, pretendeuse implicar aos nenos dun xeito activo e significativo para eles. Por este motivo, os alumnos do primeiro ciclo de primaria colaboraron na campaña de alimentos xestionando a compra dos produtos. A diferenza doutros anos, e debido á situación da pandemia, os rapaces non acudiron aos supermercados para realizar a compra.

Cabe sinalar que este ano as familias do centro colaboraron máis que nunca, o que nos encheu de orgullo e ledicia.

A introdución dos xogos de mesa no centro educativo como instrumento de aprendizaxe

Queremos informarvos dunha subvención solicitada á Deputación da Coruña baixo o título A introdución dos xogos de mesa no centro educativo como instrumento de aprendizaxe (habilidades transversais e competencias). Dita solicitude foi presentada o día 04/03/2020 e resolta favorablemente o 06/11/2020. Co importe recibido realizaremos as seguintes actuacións:

  1. Webinar Introdución á Aprendizaxe Baseada en Xogos (ABJ). O taller estará orientado ao profesorado de Infantil, Primaria e Secundaria.
  2. Webinar Aprendizaxe e xogos en familia. Taller orientado ás familias de infantil, primaria e secundaria.
  3. Compras de xogos de mesa para todas as etapas educativas.
  4. Patio lúdico: Pintarase o chan do patio do colexio. Con esta actividade procúrase que exista unha maior diversidade de propostas de xogos co cal lograr unha mellor coeducación e que non haxa diferenzas entre sexos.

O taller para as familias realizarase mediante videoconferencia o venres 27 de Novembro ás 18:30h. Para poder participar será necesario inscribirse mediante un formulario web. Os datos necesarios serán os seguintes:

  • Nome do participante
  • Conta de correo electrónico (necesaria para que o participante reciba o enlace co acceso).
  • Idade dos alumnos do núcleo familiar. Este dato permitirá aos conferenciantes axustar mellor os contidos en base aos intereses das familias participantes.

A inscrición deberá levarse a cabo antes do xoves 26 de Novembro.