O vindeiro Martes 23 de Abril é o día Mundial do Libro, e como todos os anos celebramos esta data tan sinalada coa actividade do TROCOLIBRO .
Neste ano 2024 esperamos participación d@s alumn@a, profesorado, nais e pais. Animádevos a trocar libros!!!
Para facer o TROCOLIBRO é necesario comezar coa recepción de libros por parte dos participantes. Esta semana o Mércores 17 comeza a recollida de libros na galería da entrada do colexio. Recolleremos libros que os alumnos e alumnas de INFANTIL, PRIMARIA, SECUNDARIA e ESO., os pais e nais e persoal do cole acheguen ata o colexio coa inteción de trocalos por vales.
Seguiremos a seguinte orde para a recepción de libros NO HORARIO DO RECREO entre as 10:20 a.m- 12:30 a.m.
Mércores 17 de Abril: INFANTIL e 1º, 2º e 3º de PRIMARIA
Xoves 18 de Abril: 4º, 5º e 6º de PRIMARIA
Venres 19 de Abril: ESO, profes e persoal do cole, pais e nais
OLLO OS SEGUINTES DATOS!!!
A entrega máxima por alumn@ é de 3 libros
Pola entrega de cada libro recibirá un vale oficial do TROCOLIBRO 2024
Os vales poderanse trocar por libros no TROCOLIBRO 2024 que se celebra o 23, 24 e 25 de ABRIL
Non están permitidos libros de publicidade, libros rotos, nin libros que non sexan aptos para nenos.
Aquí tendes o cartel da actividade. ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!
Tras a xornada conmemorativa do Día Mundial da Saúde que se celebrou o domingo 7 de abril; a matrona Diana Luque Indiano, da Asociacion Galega de Matronas AGAM impartirá unha charla-obradoiro sobre o Benestar Menstrual para os alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria do Colexio Plurilingüe Nuestra Señora de los Remedios .
A charla terá lugar o luns 8 de abril a partir das 15:30 e farase en dúas roldas de 45 minutos; unha por cada grupo.
Esta actividade inaugura un ciclo de accións formativas para o alumnado do colexio, que apoian e complementan a educación dos nosos fillos e fillas. Con esta charla-obradoiro sobre Benestar Menstrual damos comezo a un plan de actividades que dende a ANPA dos Remedios organizamos para este 2024 tendo en conta as preocupacións dos pais e nais e as inquetudes do profesorado tras falar cos xefes de estudos, a dirección e a orientadora do centro.
Estade atent@s porque haberá máis novas e sorpresas para os alumnos e alumnas do cole!
Realizamos a CONVOCATORIA DE ASEMBLEA XERAL ORDINARIA 2024
Convócase Asemblea Xeral ordinaria da ANPA dos «Colexio Nuestra Señora de los Remedios» que terá lugar na Biblioteca da escola o vindeiro xoves 14 de marzo ás 18.00 horas en primeira convocatoria. Instamos ás familias socias á asistir a esta Asemblea Xeral , coa seguinte orde do día:
Ratificación de cargos vacantes da Xunta Directiva cubertos provisionalmente en Xunta extraordinaria do 11 de decembro de 2023.
Lectura e aprobación da acta da Xunta realizada o Xoves 22 de Xaneiro 2024
Exposición e aprobación, se procede, do Balance de Ingresos e Gastos do curso 2023-2024
Peche de actividades para o ano 2024. (*Peche de custe de actividades / CRONOGRAMA
Rogos e preguntas
Animamos a todas as familias asociadas a atender a esta reunión! Participade!
O pasado 26 de Maio con Motivo da celebración do Día das Letras Galegas visitou o nosso cole a escritora lucense Ana Meilán.
Desde a ANPA facilitamos diferentes libros desta autora para que os profesores e profesoras puideran ler os contos nas aulas e traballalos cos alumnos e alumnas. A acollida por parte do alumnado foi moi boa e os diferentes cursos fixeron debuxos inspirados nos contos. Con estes murais feitos no cole, decorouse o Salón de Actos. Foi unha auténtica sorpresa de benvida para Ana!
Vémonos na obriga de facer unha mostra fotográfica das obras.
Canto talento hai no cole!
Tras ver estas e outras artistadas que decoran o Salón de Actos (máis fotos dos murais no final do post), Ana marabillada preparou todo o seu material para as sesións de contacontos…
Levaba unha maleta máxica que nos fixo rir, pensar e soñar a todos os asistentes. Dela saíron moitos motivos dos seus contos que cobraron vida cando a súa creadora empezou a contar as historias…
Realizáronse tres sesións de con grupos de alumnos por idades. En cada sesión Ana Meilán contou un dos seus contos:
– 10:15 – 11:00 h INFANTIL – Conto «Bágoas debaixo da cama»
Tanto os nen@s como as mamis disfrutaron coa interpretación da autora deste conto que arrancou risas de todos nos.
SINOPSE: O pequeno Simón, canso de que todo o mundo lle chame chorón, garda en botes debaixo da cama as súas bágoas e as de todo aquel que chora, pero… Que ocorrería se o mundo quedase sen bágoas?
Ademáis de risas tamén é moi curioso como o relato de Ana trata de fomentar a empatía dos nenos e nenas cos pais e en xeral coas persoas que os rodean. As risas inundaron o Salón de Actos e Ana agasallou aos alumnos de infantil cunha especie de carné de identidade que lles fixo moita ilusión.
Un libro para o fomento lector e o descubrimento de que a través da lectura poden viaxar a calquera universo.
SINOPSE: Peter quere viaxar como fan os seus pais, percorrer o mundo e mesmo sentar nunha estrela, pero o que non imaxina Peter Panker é que todas esas viaxes están a esperalo tras as tapas dun libro.
Os alumnos e alumnas estiveron moi atentos aos diferentes destinos que podían viaxar coa súa imaxinación. Ana agasallou os nenos e nenas cunha postal e explicoulles o seu correcto uso e a debida redacción neste formato escrito. Aprender e divertirse, ilusionarse cunha postal foi algo que Ana conseguiu nesta sesión con todo o alumnado.
– 12:30 a 13:304ª-5º-6ºde Primaria – Conto: «O que a Serea esqueceu»
SINOPSE: Cando o teu mundo e o seu son tan distintos, só a maxia dun peixe anano, verde e choutador pode darche unha vida xunto a el.
Este conto creouno Ana para a sua nai porque ten alzheimer. O peixe dalle unha vida a serea co seu amor. A cambio, cando teña unha vida chea de recordos, o que quere é quedar cos recordos da serea, a non ser que a serea lembre o nome do peixe… pero como xa esta a perder a memoria non se acorda….
O relato deste conto foi moi emotivo. A temática, o lirismo co que está tratado… todo un mundo de emocións que se viviron a flor de pel no noso Salón de Actos.
Nesta sesión, a escritora creou xunto cos alumnos e alumnas unha cápsula do tempo a través dun taller de escritura. Esta cápsula foi un agasallo que os mestres gardaron no colexio como recordo.
Ana Meilán explicoulles todo o proceso creativo, dende a chegada dunha idea á mente dun autor ata o momento no que o lector ten o libro nas súas mans.
Os nenos e nenas de 4ª, 5ª e 6º quedaron encantados e non pararon de pedirlle autógrafos. Ana non puido disimular a súa ilusión e alegría.
A verdade é que foi un auténtico placer contar con Ana Meilán. Esta actividade deseñada pola ANPA con motivo das Letras Galegas, ten como obxetivo a animación á lectura desde idades temperás. Un xeito divertido de que os nosos fillos e fillas vexan nos libros aliados, e coñezan autores da nosa comunidade que escriben en galego e que teñen un amplo recoñecemento no panorama literario nacional. Podes coñecer máis da autora na sua páxina web.
Este tipo de actividades de animación á lectura son unha das preocupacións da ANPA que se iniciaron co TROCOLIBRO, que se seguirá a celebrar anualmente polo Día do Libro.
Se queredes que o colexio acolla máis iniciativas deste tipo animádevos a participar na Asociación de Pais e Nais do cole. ASÓCIATE!
LETRAS GALEGAS 2023 – A ANPA convida a Ana Meilán ao Colexio plurilingüe Nuestra Señora de los Remedios (Santiago)
Aquí deixamos as fotos doutros murais que decoraron o Salón de Actos do Cole ese día.
Somos a nova ANPA (Asociación de Nais e Pais de Alumnos) Nosa Señora dos Remedios. As persoas (máis ben as nais) que formamos parte desta Xunta Directiva queremos transmitirvos a ilusión coa que iniciamos este proxecto e a nosa intención de traballar co único obxectivo de favorecer e mellorar a vosa educación e o voso paso polo colexio.
Moitos de vós xa nos coñecedes pola primeira iniciativa que fixemos no colexio, o TROCOLIBRO, na cal participachedes e estamos moi contentas dos resultados obtidos nesa actividade.
Como sabedes, este mes celébrase o día das letras galegas, e é por iso que pensamos lanzar unha nova iniciativa para vós baixo o título:
“ TíO DESEÑAS, REPRESéNTANOSATODOS”
Trátase de que os alumnos da E.S.O. deseñedes o novo logotipo da ANPA. Cremos que, xa que somos unha Asociación de Nais e Pais de Alumnos, que mellor que sexan os alumnos os que deseñen o noso logotipo, ó fin e o cabo sodes os nosos fillos ós que estamos a representar.
Esperamos que participedes!!!!!
Pode ser un traballo individual ou colectivo, e podedes pedirlle axuda ós profesores/titores.
Unha forte aperta. ¡¡¡¡Animádevos a participar!!!!!!
A Xunta Directiva ANPA – Aquí tendes as bases do concurso.
BASES CONCURSO LOGOTIPO ANPA Nsa. Sra. dos REMEDIOS
“ TíO DESEÑAS, REPRESéNTANOSATODOS”
A ASOCIACIÓN DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS do Colexio Nosa SEÑORA DOS REMEDIOS convoca o concurso de deseño do seu logotipo, o cal vai dirixido aos alumnos e alumnas dos cursos da E.S.O. do centro, para o que establece as seguintes bases:
BASES:
1. Obxecto. Búscase crear un logotipo destinado a representar a imaxe da asociación en calquera tipo de soporte de difusión, información ou publicidade, como a páxina web, redes sociais ou comunicacións, e que poida ser utilizado en todas as actuacións da ANPA a través de distintas canles e medios á vez que se fomenta a creatividade e participación de todos os alumnos do centro educativo aos que vai dirixido.
2. Participantes. Poderán presentar obras a concurso os/as alumnos/as que estean a cursar 1º, 2º, 3º e 4º da E.S.O. do presente curso escolar.
3. Tema. O logotipo deberá reflexar principios ou elementos referido ao seguinte:
A condición de centro educativo de Educación Infantil, Primaria e Segundaria.
As familias
A educación
Unha Asociación de nais e pais4. Condicións das Propostas:
O logotipo deberá ser orixinal, inédito sen infrinxir os dereitos de autor doutras persoas.
A técnica será libre sempre que sexa posible a súa reprodución dixital e recoméndase a maior resolución posible
.
Se se utiliza tipografía non orixinal, deberá constar a descrición da fonte, tamaño e deberanse utilizar, entre outros, as cores representativas do centro educativo (azul e gris)
.
Se excluirán os logotipos que conteñan connotacións ofensivas contra persoas ou institucións.
Os participantes deberán gardar copia do material entregado.
O único texto que poderá incluír a proposta será “Asociación de Nais e Pais de Alumnos Colexio Os Remedios” ou as súas siglas “ANPA Os Remedios”, en dúas versións, galego e castelán.
O logotipo non estará suxeito a dereitos de autor.
5.- Participación. Poderá ser un traballo individual ou en grupo. Cada participante/é poderá entregar un único deseño. NON se deberá anotar o nome do participante para evitar a identificación dos debuxos e que iso poida causar calquera tipo de afinidade ou predilección. Os deseños enviaranse á dirección de correo electrónico proporcionada en formato foto ou imaxe escaneada. Ademais deixarase ao profesor de debuxo unha impresión co nome de/os participante/s nun sobre pechado e por fóra o titulo do traballo, para logo que se remitan ó ANPA co maior anonimato posible.
6. Prazo Presentación. O prazo máximo para participar e presentar os deseños é o próximo 2 de xuño de 2023 ás 00:00 horas. Non se aceptarán deseños despois desta data.
– As propostas enviaranse a este mail: anpadosremedios@gmail.com no formato dixital.. O asunto da mensaxe será: concurso logo ANPA. O corpo da mensaxe será o título do traballo.
– O email desde o que se envie o traballo será o do profesor de debuxo do centro educativo para ser totalmente anónimo.
7.- Xurado. O Xurado estará formado polos membros da Xunta Directiva do ANPA e a dirección do Centro Educativo. O Xurado recibirá os traballos de maneira anónima e decidirá as propostas admitidas.
Na elección do logotipo valorarase que sexa:
Sinxelo
Lexible mesmo en tamaño pequeno.
Único, singular e identificador do ANPA
Reproducible en calquera tipo de material
Distinguible tanto en positivo como en negativo
Facilmente recordable
Modificable a escala
Escaneable
8. Propiedade intelectual e dereitos de reprodución.
A propiedade intelectual e dereitos de reprodución cederase á ANPA Os Remedios, a cal se reserva todos os dereitos de propiedade, reprodución, distribución e uso.
A organización resérvase o dereito de modificación do logotipo para optimizalo e adaptalo ás necesidades que poidan xurdir para a súa impresión ou reprodución. Resérvase o dereito para modificar o deseño gañador en función das necesidades, así como a cor, trama e tamaño, para adaptalos con éxito aos diferentes soportes.
A participación no concurso leva implícito a aceptación destas bases e do fallo do xurado, que será inapelable.
A partir da presentación dos traballos, a súa propiedade, utilización e dereitos quedarán reservados á ANPA Os Remedios. O autor/a de o deseño premiado cederá @gratuitamente os seus dereitos de reprodución e manipulación.
9.- Premios. Establécese un único premio, que será entregado ó gañador, o cal consistirá nunha tarxeta regalo valorada en 150€
10.- Exposición. O ANPA poderá facer uso de todos os debuxos participantes para a organización dunha exposición ao longo do presente curso.
¡¡¡¡¡Animádevos a participar!!!!! A Xunta Directiva do ANPA
Dende fai uns meses coláronse no centro uns personaxes moi peculiares que están sendo a ledicia dos máis pequenos (e os non tan pequenos). ¿Oístes falar deles? Hoxe queremos presentárvolos.
Ao longo do curso puidemos comprobar que o uso dos monicreques dou lugar a un gran número de actividades por parte do equipo de profesorado, que os empregaron tanto con fins lúdicos coma complemento das actividades do currículo educativo. Por exemplo, amosamos unha fotografía dos alumnos de 4º de primaria que se axudaron dos monicreques para facer unha exposición oral na que debían dar a coñecer ao seu personaxe e describilo.
En xeral, a experiencia con este tipo de material foi moi gratificante polo que estamos seguras de que este traballo non remata aquí.
A compra das marionetas foi realizada pola ANPA grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.
Non só os alumnos de primaria fixeron uso dos kamishibai. Os alumnos de cuarto da ESO utilizárono tamén para diversas representacións poéticas. No seu caso, foron eles mesmos os encargados de realizar as ilustracións das láminas A3 usadas nas interpretacións. Mirade que auténticas marabillas realizaron.
Todo o material utilizado foi mercado pola ANPA grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.
Estamos encantadas de ver o uso que dende o centro se lles está a dar aos Kamishibai. O Kamishibai é un xeito orixinal e divertido de contar historias que cativa a nenos e adultos. Coa adquisición deste tipo de material pretendiamos desenvolver habilidades de comunicación en diferentes linguaxes e formas de expresión.
O pasado venres día 10 celebramos o obradoiro para as familias. Nesta ocasión, Borja Insua, de Títeres Alakrán, ensinounos a facer un títere simplemente con rollo de papel, un cadrado de tea e papeis de cores. A temática era libre polo que puidemos observar personaxes moi diversos: doncelas, piratas, animais e ata un Bob Esponxa! Todo era válido, o único importante era deixar voar a imaxinación e pasar unha boa tarde en compañía dos nosos familiares e amigos. Para rematar, puidemos realizar unha representación cos nosos títeres no teatrillo.
Tanto a celebración do obradoiro coma a compra do teatrillo foron actividades subvencionadas pola Deputación da Coruña.
Queremos invitarvos ao obradoiro para as familias que se realizará no marco do proxecto Incentivando a expresión oral galega a través da expresión artística subvencionado pola Deputación da Coruña. O taller leva por título Construción de títeres con materiais de reciclaxe e impartirase os venres 10 e 17 de decembro de 17:30h a 19:00h.
Os talleres están dirixidos a tódalas familias do centro (todo neno ou nena participante estará acompañado/a dun adulto).
O número mínimo de participantes para a realización de cada obradoiro é de 7 familias.
O número máximo de participantes por obradoiro é de 40 persoas (contando menores). No caso de superarse dita cifra, as solicitudes ordenaranse polos seguinte criterios:
Pertenza á AMPA.
Data de inscrición.
Para poder participar será necesario inscribirse mediante un formulario web. Os datos necesarios serán os seguintes:
Data na que desexa asistir ao obradoiro (a seleccionar entre o 10 ou o 17 de decembro).
Nome do participante
Correo electrónico de contacto.
Idade dos alumnos do núcleo familiar que participarán na actividade.
A inscrición deberá levarse a cabo antes do xoves 9 ou 16 de decembro respectivamente. Bastará con cubrir os datos anteriores no seguinte formulario:
Os obradoiros serán impartidos por Borja Insua, de Títeres Alakrán. Borja estudou o Ciclo Superior de Escultura na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Mestre Mateo en Santiago de Compostela e en Barcelona especializouse na técnica de fío no grupo–taller de marionetas do mestre titiriteiro Pepe Otal. Foi un dos membros fundadores do colectivo Bulubús, que aglutinou a máis de 30 compañías de todo o mundo, participando no Festival Internacional de Títeres de Bilbao. Ademais, ten impartido cursos de construción e manipulación de títeres en Galicia, Bilbao, Cuba e México.