ACTIVIDADES PROGRAMADAS ANPA DOS REMEDIOS CURSO 2024-2025

7 de MARZO Día Internacional da Muller – Semana 3-7 de MARZO

Teatro Ghazafelhos con A máquina do tempo ou A caixa sen Pandora

A compañía Teatro Ghazafelhos, que plantexa: que pasaría se Pandora non abrira a caixa. É este un repaso divertido das distintas mulleres universais en xeral e galegas en particular que decidiron romper coa norma establecida e abrir a súa propia caixa iniciando un movemento imparable pola igualdade na ciencia, na literatura, e en tantos campos como o fixo Hipatia, Marie Curie, Ángeles Albariño, Margarita Robles, Katherine Johnson, Hedy Lamarr, Antonia Ferrin, Ángela Ruiz Robles, Rosalind Franklin,…

E en resumo, quereremos nós abrir a nosa propia caixa?

LETRAS GALEGAS – ROMERÍA DO 15 de MAIO

Con motivo desta data tan sinalada a ANPA quere aportar as seguintes actividades

  •  Pablísimo con Cabicivai; un espectáculo sobre rodas, unha bicicleta, un Kamishibai e tres caixóns dos que pode sair calquera cousa!!
    Pablísimo é unha compañía especializada en narración oral, teatro de animación á lectura e teatro infantil creada polo actor, dramaturgo e contador de historias Pablo Sánchez. Os seus espectáculos, de pequeno e mediano formato, toman sempre como base a literatura infantil a través de contos clásicos, contemporáneos, e contos de creación propia.
  • Xogos do Paporrubio é un compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria, que nos dá a coñecer un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantaruxeiros da nosa fauna. O noso paporrubio, calzado cuns zoquiños, guía a nenos e maiores por unha eira chea de xogos. Os participantes nesta aventura terán que ir descubrindo como se xoga a algúns dos xogos, mentres que se sorprenderán noutros deles grazas ás pequenas historias contadas e cantadas polos animais e habitantes da granxa, elaborados con xoguetes, marionetas e xigantes. 

 SEMANA CULTURAL ESCOLA MÁXICA  – ESCOLA DE FAMILIAS VERMISLAB

Xornadas centradas no uso de novas tecnoloxías con obradoiros de 90 minutos. Celebraremos un obradoiro para pais e nais, outro para profesorado e o outro para o alumnado.

 A “Escola de Familias” ofrece apoio psicoeducativvo para o profesorado, nais e pais, e tamén alumnos a través de obradoiros especializados en diversas temáticas relevantes para a crianza e o desenvolvemento dos nenos e adolescentes.

Para iso contamos coa colaboración de Mónica Caínzos, graduada en psicoloxía e especializada en psicoloxía educativa e orientación escolar. Mónica ten unha sólida traxectoria en departamentos de orientación en Santiago de Compostela e Madrid, ademais de dedicarse a terapias con poboación infanto-xuvenil en Aspanaes, especializada en autismo. Actualmente, en UNIDADE FOCUS, realiza valoracións psicolóxicas e trata diversos trastornos do neurodesenvolvemento. O seu compromiso coa educación e o benestar de nenos e adolescentes reflíctese na súa participación como voluntaria en aulas hospitalarias e como relatora en congresos sobre a saúde infanto-xuvenil

ASEMBLEA XERAL ORDINARIA 24 de ABRIL 2025

Asemblea Xeral Ordinaria

A ANPA dos Remedios convoca a ASEMBLEA XERAL ORDINARIA  o vindeiro Xoves 24 de abril 2025 ás 17:30 horas na biblioteca do Colexio Nª Sñra dos Remedios sita na Rúa das Horfas en Santiago de Compostela.

Os temas que se serán tratados na Orde do día da ASEMBLEA XERAL ORDINARIA do 24 de abril 2025

  1. Estado da Tesourería
  2. Execución das actividades planificadas para o presente curso 2024 – 2025 xa iniciadas 
  3. Estratexia para a captación de soci@s
  4. Atender ás iniciativas feitas en Rogos e Preguntas na última reunión e recollidas na acta:
  • Creación dunha horta “urbana” ou «espazo botánico» no colexio
  • Baúl de xogos colectivos populares (goma de saltar, petanca, aros, corda… ) para que os monitores coordinen xogos participativos en equipos durante os recreos da tarde.
  1. Rogos e preguntas: espazo para que as familias participantes expoñan as súas inquietudes.

Animádevos a participar!!!

A Secretaria:

Salwa Olalla Azzam López

Ana Meilán Contacontos en Galego para Infantil e Primaria

Ana Meilán Contacontos

O pasado 8 de Maio Ana Meilán veu ao Colegio Plurilingüe Nuestra Señora de los Remedios convidada pola Anpa Dos Remedios
Os alumnos e alumnas de INFATIL e PRIMARIA desfrutaron dos seus magníficos contos ademáis que os maiores do ciclo de PRIMARIA fixeron un obradoiro de escritura creativa con esta afamada autora galega.
Un pracer contar con ela para celebrar por anticipado as Letras Galegas con esta actividade do fomento da lectura e a escritura que tan importante é nestas idades.
Animádevos a participar familias! Temos máis cousiñas preparadas para este mes… Estade atentos!

 

 

Charla Obradoiro Benestar Menstrual

Tras a xornada conmemorativa do Día Mundial da Saúde que se celebrou o domingo 7 de abril;  a matrona Diana Luque Indiano, da Asociacion Galega de Matronas AGAM impartirá unha charla-obradoiro sobre o Benestar Menstrual para os alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria do Colexio Plurilingüe Nuestra Señora de los Remedios .

 A charla terá lugar o luns 8 de abril a partir das 15:30 e farase en dúas roldas de 45 minutos; unha por cada grupo.

Esta actividade inaugura un ciclo de accións formativas para o alumnado do colexio, que apoian e complementan a educación dos nosos fillos e fillas.  Con esta charla-obradoiro sobre Benestar Menstrual damos comezo a un plan de actividades que dende a ANPA dos Remedios organizamos para este 2024 tendo en conta as preocupacións dos pais e nais e as inquetudes do profesorado tras falar cos xefes de estudos, a dirección e a orientadora do centro.

 Estade atent@s porque haberá máis novas e sorpresas para os alumnos e alumnas do cole!

 

Marionetas

Dende fai uns meses coláronse no centro uns personaxes moi peculiares que están sendo a ledicia dos máis pequenos (e os non tan pequenos). ¿Oístes falar deles? Hoxe queremos presentárvolos.

   

Ao longo do curso puidemos comprobar que o uso dos monicreques dou lugar a un gran número de actividades por parte do equipo de profesorado, que os empregaron tanto con fins lúdicos coma complemento das actividades do currículo educativo. Por exemplo, amosamos unha fotografía dos alumnos de 4º de primaria que se axudaron dos monicreques para facer unha exposición oral na que debían dar a coñecer ao seu personaxe e describilo.

En xeral, a experiencia con este tipo de material foi moi gratificante polo que estamos seguras de que este traballo non remata aquí.

A compra das marionetas foi realizada pola ANPA grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.

Incentivando a expresión oral galega a través da expresión artística

Estimadas familias,

Coa presente comunicación queremos informarvos dunha subvención que nos concedeu a Deputación da Coruña. O proxecto leva por título Incentivando a expresión oral galega a través da expresión artística e co importe recibido estanse realizando as seguintes actuacións:

  1. Adquisición de 2 Kamishibai.
  2. Adquisición de varios libros en galego en formato láminas en A3 para representación en Kamishibai.
  3. Adquisición de 1 teatrillo para a representación de títeres.
  4. Obradoiros de construción e manipulación de monicreques.
  5. Obradoiros de ilustración.

Os obradoiros de construción e manipulación de monicreques estarán destinados ás familias. En próximas comunicacións concretarémosvos toda a información necesaria: as datas de realización (mes de decembro), así coma a forma de inscribirse nos mesmos. Esperamos que resulten do voso interese.

Un saúdo.

A Xunta Directiva.

Asemblea Xeral Curso 2020/2021

Estimadas familias,

Recordámosvos que hoxe luns 15 de febreiro realizaremos a Asemblea ordinaria da Asociación de pais e nais do colexio Nosa Sra. Dos Remedios, que se celebrará ás 19:00 en primeira convocatoria e ás 19:15 en segunda.

Os puntos do día serán:

  1. Votación e renovación  dos cargos da xunta directiva se procede.
  2. Aprobación das contas da Asociación se procede.
  3. Actuacións levadas a cabo dende a última Asemblea.
  4. Rogos e preguntas.

A Asemblea será vía telemática. Realizarase mediante videoconferencia e poderedes acceder mediante o enlace que  se vos enviou por correo electrónico. Se algún socio non recibiu o enlace correspondente pode poñerse en contacto con nós a través do correo anpadosremedios@gmail.com

Contamos coa vosa colaboración.

Xornada relacionada cos oficios e profesións

Dende a ANPA, e en colaboración co Departamento de Orientación do centro, estamos a organizar unha xornada relacionada cos oficios e profesións para tentar axudar aos nosos fillos e fillas que cursan 4º da ESO. Proximamente estes rapaces terán que decidir que camiño seguir nos seus estudos polo que pretendemos darlles a coñecer distintos itinerarios e experiencias profesionais a través das vivencias das propias familias.

Neste punto é onde precisamos da vosa colaboración. Gustaríanos que aqueles/as de vos que creades que podedes aportar algo compartindo a vosa propia experiencia coma estudante ou profesional participedes na xornada.  Non buscamos algo en particular, só coñecer vivencias e opinións de distintos ámbitos: que non sempre se segue o camiño que os nosos pais queren para nós, que ás veces imos por camiños que nin nós mesmos pensamos e foinos ben, que a vida ten moitos itinerarios a seguir e que todos son igual de válidos, …

Calquera achega que motive aos rapaces e rapazas que aínda non saben que facer será gratificante. Quen sabe! A vosas palabras poden deixar pegada en moitos de eles e elas.

Esperamos poder contar co maior abanico de profesións posible e que sexan unha gran vía inspiradora para todo o alumnado. Se queredes participar poñédevos en contacto con nós no correo electrónico anpadosremedios@gmail.com antes do 27 de febreiro e explicándonos un pouquiño cal é o voso perfil. Coa información recibida tentaremos organizar unha xornada que se celebrará mediante videoconferencia e fixar unha data que tentaremos centrar no mes de marzo.

Animádevos!!!

Campaña de recollida de alimentos

No mes de Novembro púxose en marcha, un ano máis, a Campaña de Recollida de alimentos, coa que se pretende lograr que todas as familias do noso entorno poidan desfrutar dun Nadal especial. Ademais, como se fixo o ano anterior e dado que a experiencia foi moi gratificante e enriquecedora, pretendeuse implicar aos nenos dun xeito activo e significativo para eles. Por este motivo, os alumnos do primeiro ciclo de primaria colaboraron na campaña de alimentos xestionando a compra dos produtos. A diferenza doutros anos, e debido á situación da pandemia, os rapaces non acudiron aos supermercados para realizar a compra.

Cabe sinalar que este ano as familias do centro colaboraron máis que nunca, o que nos encheu de orgullo e ledicia.

Concurso de Fotografía Magosto 2020-21

Sabemos que as circunstancias de este ano non son as mellores, pero non por iso imos deixar de festexar unha das datas máis agardadas por todos: O MAGOSTO.

Dende a directiva do ANPA invitámosvos a participar todos xuntos en familia no “Concurso de Fotografía Magosto 2020-21

Para poder participar debedes enviarnos unha foto na que se reflexe ou ben unha celebración de magosto ou unha composición na que se utilicen materiais propios desta época: millo, follas, landras, …, e sobre todo a estrela da festa: a castaña!

Teredes de prazo dende hoxe ata o día 15 de novembro para facernos chegar unha fotografía de tódolos participantes xunto coas vosas creacións ó correo anpadosremedios@gmail.com.

Unha vez recibidas todas elas, procederase ás correspondentes valoracións. As puntuacións levaranse a cabo de maneira pública na nosa recente estreada conta de Facebook (ANPA do Colexio Nosa Señora dos Remedios).  Os resultados consideraranse definitivos o día 22 de novembro  e os nomes das familias gañadoras daranse a coñecer a través de este mesmo medio.

Haberá un premio por cada unha das seguintes categorías:

–           A representación con maior arraigo tradicional.

–           A representación máis orixinal e creativa.

Importante: Debido a que tanto as fotos recibidas coma o nome do gañador serán compartidos en redes sociais, para a participación no concurso é imprescindible que se entregue a correspondente autorización de uso de imaxe no momento de entregar a fotografía elixida.

¡¡Animádevos a participar!!