Obradoiro construción de títeres con materiais de reciclaxe

O pasado venres día 10 celebramos o obradoiro para as familias. Nesta ocasión, Borja Insua, de Títeres Alakrán, ensinounos a facer un títere simplemente con rollo de papel, un cadrado de tea e papeis de cores. A temática era libre polo que puidemos observar personaxes moi diversos: doncelas, piratas, animais e ata un Bob Esponxa! Todo era válido, o único importante era deixar voar a imaxinación e pasar unha boa tarde en compañía dos nosos familiares e amigos. Para rematar, puidemos realizar unha representación cos nosos títeres no teatrillo.

Tanto a celebración do obradoiro coma a compra do teatrillo foron actividades subvencionadas pola Deputación da Coruña.

Patio lúdico

Por fin chegou o bo tempo, e con el a posibilidade de levar a cabo unha acción coa que pretendemos encher de ledicia aos nosos pequenos. Este sábado e domingo, un grupo de voluntarios estivemos no colexio enchendo de cores o patio. Foron horas de traballo que de seguro mañá se verán recompensadas coas caras de sorpresa dos cativos. Esperamos que lle gusten os xogos representados.
Os materiais necesarios nesta tarefa foron comprados grazas a unha subvención que nos concedeu a Deputación da Coruña. As mans necesarias non foron outras cas dos membros da Xunta Directiva da AMPA e as de moitos docentes que dende o minuto un nos apoiaron neste proxecto. Moitas grazas pola vosa colaboración!